A Marcha Mundial das Mulleres ten presencia no noso país desde o ano 2000, aglutinando a máis de 40 organizacións, que en distintos niveis de participación e compromiso, asumen as accións e os valores para alcanzar os obxectivos de erradicación da pobreza e a violencia contra as mulleres.
A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza organízase nunha Coordenadora Nacional e Coordenadoras Locais onde participan tanto mulleres que representan a organizacións, como mulleres a título individual.
ACCIÓNS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES ORIENTADAS AO OBXECTIVO DE CONSEGUIR ERRADICAR A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.-
Ainda que todas as accións, tanto as que se desenvolven a nivel local como a nivel internacional, xiran ao redor da luita contra a violencia de xénero, existen actividades específicas que teñen como obxectivo prioritario a concienciación social e a interlocución coas institucións para que apliquen políticas para paliar e previr a violencia machista.
Estas actividades desenvoltas até desde o ano 2000 poden agruparse em dous tipos:
- Actividades de mobilización e concienciación.
- Elaboración de alternativas.
ACTIVIDADES DE MOBILIZACIÓN E CONCIENCIACIÓN.
Desde o ano 2000 a Marcha Mundial das Mulleres convoca ao redor da data do 25 de Novembro manifestacións e concentracións en varias cidades do noso país co obxectivo de concienciar e mobilizar á sociedade ao redor de reivindicacións e denúncia das raices que sustentan a violencia machista na nosa sociedade.
Novembro-2000
En novembro do ano 2000, ante a insensibilidade mostrada pola administración galega diante das agresións e asesinatos de mulleres, e baixo o lema O PODER DAS MULLERES, A VIOLÉNCIA DE XÉNERO TEN SOLUCIÓN, realizouse unha manifestación en Compostela seguida das seguintes accións reivindicativas:
-Feche na delegación de Vigo da Conselleria de Familia, Muller e Xuventude.
-Feche nas oficinas do Valedor do Povo en Compostela.
-Feche nos xulgados de Ferrol e Lugo.
-Concentración diante do Governo Civil de Pontevedra.
Como resultado desta mobilización unha representación da MMM foi recibida pola Conselleira Manuela López Besteiro, ainda que o resultado desta entrevista foi nulo.
Novembro-2001
En novembro do ano 2001, nun entorno internacional marcado pola guerra, convocatoria dunha concentración nacional e acto lúdico-reivindicativo en Compostela . O lema NEN GUERRA QUE NOS MATE NEN PAZ QUE NOS OPRIMA, denunciaba a situación vivida polas mulleres e crianzas de paises em conflicto, e resumía o compromiso coa paz mundial ainda que sen conformarse cunha paz inxusta que manteña a violencia contra as mulleres.
Novembro-2002
No ano 2002, celebramos unha Manifestación en Compostela "ACABAR COA VIOLÉNCIA CONTRA AS MULLERES, UNHA NECESIDADE SOCIAL", coincidindo con a cimeira de ministros e ministras da Unión Europea contra a violéncia de xénero.
Novembro-2003
As mobilizacións convocadas neste ano resaltaron que as raíces da violencia se nutren da situación de desigualdade na que se encontran as mulleres. O lema da campaña nesta ocasión foi COMBATE A VIOLENCIA COMBATENDO A DESIGUALDADE.
Novembro-2004
Concentracións o propio 25 de novembro nas cidades galegas e acto nacional o sábado 27 en Vigo, centraron os actos deste ano que se celebrou co lema ELAS SOMOS TODAS. Deste xeito mostrábase a solidaridade coas mulleres vítimas e a denuncia da violencia machista como algo que afecta, em maior ou menor medida, a todas as mulleres.
Novembro-2005
Ampliar a conciencia de que a violencia non é só un problema das mulleres que a padecen dun xeito máis agudizado, senon que é un problema que estigmatiza a toda unha sociedade foi o obxectivo das mobilizacións e campaña desenvolvida ao longo do mês de novembro deste ano.
O lema escollido A VIOLENCIA É UN PROBLEMA DE TOD@S. “Que a lei non quede no papel” foi o sublema escollido para recoñecer a valia das medidas recollidas na recén estreada Lei Integral Contra a Violencia aprobada polo Parlamento español, ainda que se criticaba a escasez de recursos para aplicala.
Novembro-2006
Resaltar o valor do respecto para fundamentar as relacións afectivo-sexuais foi o obxectivo da campaña e mobilización deste ano. Os actos desenvolvidos pola MMM contaron em todas as comarcas con actividades de forte contido simbólico.
A Manta Galega da Solidaridade, elaborada nas mobilizacións mundiais do 2005, acompaña moitos dos actos da MMM.
Novembro-2007
Este ano 2007 a Marcha Mundial das Mulleres desenvolverá unha campaña deseñada na Coordenadora Europea que ten como obxectivo conseguir un xesto de compromiso individual de rechazo á violencia machista. Solicitarase aos cidadáns e cidadás de diversos paises onde a MMM ten presencia organizada, portar un distintivo no brazo. O que elaborará para portar os homes será de cor negra e terá o lema EU NON SON CUMPLICE DA VIOLENCIA MACHISTA O que se elaborará para portar as mulleres levará o lema PODEMOS ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA.
Convocaranse mobilizacións baixo o lema: PODEMOS ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA. CADA QUEN DESDE A SÚA RESPONSABILIDADE.
OUTRAS ACTIVIDADES
Desde o ano 2005, a Coordenadora Local de Ferrolterra da MMM, realiza un programa semanal na radio libre e comunitaria da comarca de Trasancos, Radio Filispim. O programa de nome Capireando, intenta divulgar e concienciar entre outros, sobre o problema da violencia de xénero.
Son varias as campañas que as distintas coordenadoras levan adiante desde un ámbito mais local. Podemos sinalar a realizada pola Coordenadora Local de A Coruña, para denunciar a falta de orzamento do Concello para a Casa de Acollida, á que só destinuou un euro nos orzamentos municipais de 2005, e à da Coordenadora Local de Ferrolterra denunciando asituación da Casa de Acollida e CIM do concello de Ferrol, reivindicando servizos mancomunados, campaña desenvolvida ao longo dos anos 2006 e 2007; e a desenvolvida desde o ano 2003 pola Coordenadora Local de Compostela tamén para denunciar a a xestión da Casa de Acollida municipal.
Ademais das mobilizacións ao redor da data do 25 de novembro, a MMM convoca inmediatamente despois de coñecer a noticia do asesinato dunha muller en Galiza, vítima de violencia de xénero, mobilizacións de repulsa en distintas cidades.
No mes de maio do ano 2004 , Vigo acolleu a mobilización europea da MMM baixo o lema DIFERENTES SI, DESIGUAIS NON. No contexto desta mobilización celebrouse a primeira FEIRA FEMINISTA, un dos espazos da Feira estaba dedicado à loita contra a violencia. Multiples palestras e exposicións de material desenvolveronse baixo a carpa que acollia este espazo.
Ao longo destes anos varios miles de mulleres participaron nestas actividades, logrando que o movimento feminista estivese sempre activo,denunciando a sociedade patriarcal e reivindicando o fin da violencia de xénero.
ELABORACIÓN DE ALTERNATIVAS.
A actividade da MMM vai parella a elaboración dun discurso onde se van tecendo unha serie de alternativas par un cambio social, no camiño da construcción dunha sociedade sem violencia.
A Marcha Mundial das Mulleres elaborou ao longo do ano 2003 un borrador para un PROXECTO DE LEI GALEGA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Este borrador foi presentado a distintas institucións e organizacións para apoiar a necesidade da sua aprobación. Contén medidas preventivas e paliativas, asi como cambios institucionais, que nalgunha medida foron recollidas na actual Lei galega contra a violencia de xénero aprobada polo parlamento galego, ainda que outras moitas quedan pendentes. Galiza, Outubro 2007.
www.feminismo.info
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES,
Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulheres na Galiza
Casa da MulleresRua Romil, 20 baixo
36202 Vigo - Galiza
Telfs 986442194
___________
QUE É A MARCHA?
ACCIÓNS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES ORIENTADAS AO OBXECTIVO DE CONSEGUIR ERRADICAR A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.-
ACTIVIDADES DE MOBILIZACIÓN E CONCIENCIACIÓN.
25 DE NOVEMBRO, UNHA DATA DE REIVINDICACIÓN E CONCIENCIACIÓN.-
OUTRAS ACTIVIDADES:
- PROGRAMA DE RADIO
- CAMPAÑAS LOCIAS
- MOBILIZACIÓNS ANTE UN ASESINATO
- PRIMEIRA FEIRA FEMINISTA
ELABORACIÓN DE ALTERNATIVAS
Galiza, 2007
Nenhum comentário:
Postar um comentário